Normas de convivencia

NORMAS  DE  CONVIVENCIA  NO  NOSO  COLEXIO

 

  • Entrar e permanecer no Colexio é libre. Se se  permanece hai que acatar o seu  Ideario e normas, considerando que se encontran suficientemente difundidos entre familias e alumnos. Pregamos e agradecemos a colaboración de todos no cumprimento  destas medidas que contribuirán a crear o clima de convivencia, cordialidade e cercanía que todos desexamos.
  • Directora e Xefa de Estudios, encargaranse de controlar a chegada e acollida de alumnos a 1ª hora. Esíxese entrar na Capela ás 8,20/9:20 horas, segundo etapas (non se pode obrigar a rezar pero sí a cumprir este momento de reflexión característico do noso Ideario). Motivar ó alumnado neste aspecto é tarefa compartida por todo o persoal (titoría, educación en valores,…)
  • Retrasos.– Os que chegan despois das 8,30-9,30 horas entran co visto bo da Directora/Xefa de Estudios, que lles fan un aviso verbal. Anótase no parte de aula o retraso (o profesor correspondente). No caso de que o retraso excedera 10 minutos a primeira hora ou 5 minutos nos cambios de clase, impedirase a entrada na aula para non interromper o desenvolvemento da clase (agás se se aporta causa xustificada) e a falta recollerase no parte polo profesor correspondente. Permítense ata 5 retrasos por alumno por trimestre. Acadar este número sería motivo de amonestación escrita e en caso de non correxirse conleva Parte de Incidencia aberto polo titor e enviado á familia
  • Asistir a clase é obriga evidente dos alumnos, especialmente nas datas que coincidan con probas escritas, controis… Dada a coordinación e planificación que require por parte do profesorado fixar o calendario de exames e o esforzo que supón a elaboración do cuestionario, (tendo en conta que sempre se busca favorecer o rendemento do alumno, como demostra a medida acordada de non realizar máis dunha proba evaluativa diaria) parécenos normal solicitar do alumnado e das familias a correspondente colaboración, respecto e responsabilidade (o contrario supoñería que cadaquén demandara “un calendario á carta”). Esixirase sempre a xustificación -telefónica, escrita- das inasistencias (prazo máximo de 3 días trala reincorporación), imprescindible no caso citado e extensible a xornadas ou horas previas a ditas probas (preparar exames non é causa xustificada de inasistencias, aínda que somos conscientes de recibir escritos asinados polos pais sabendo que se trata ás veces de pequenas mentiras de escasa credibilidade, presionados polos seus fillos que non se organizaron e precisan tempo do horario lectivo para preparalos). Non dispoñer dela conlevaría invalidala (e repetila en recuperación) ou non facela ata recuperación. En caso de que a inasistencia, autorizada e xustificada polos pais, coincida coa data dalgunha proba evaluativa, respectarase o dereito do alumnado a realizala no momento en que o profesorado o considere máis oportuno e menos entorpeza o desenvolvemento das actividades educativas planificadas (antes ou despois da entrega de notas, merecendo especial consideración os problemas de saúde ou asunto familiar grave). As faltas inxustificadas de asistencia conlevan amonestación oral ou escrita e considérase falta grave, motivo de Parte de Incidencia, non asistir a clase sen o coñecemento de pais ou titores legais. En ningún caso os alumnos poderán saír do centro sen expresa autorización familiar.
  • Uniforme e Chándal– O Colexio é o lugar de traballo dos alumnos . Non é lugar informal de reunión cos amigos. Por iso deben asistir ó Centro adecuadamente aseados e vestidos. Os mesmos órganos anteriormente citados encargaranse a primeira hora da mañá de avisar verbalmente ó alumno que o incumpra, tarefa na que colaborará todo o persoal docente anotándoo no parte de aula, ocupándose os titores do seu control (ficha específica). Reincidir na falta (5 ou máis) será motivo de amonestación escrita e de non correxirse esta actitude  conlevará Parte de Incidencia, non subir á aula, avisar á familia de que os veñan recoller e regresar debidamente uniformado ou que lles traian a roupa axeitada. Idéntica medida adoptarase para os alumnos de Bacharelato que non se presenten coa vestimenta adecuada  (escotes excesivos, barrigas ó aire, roupa interior á vista…).
  • No caso de Educación Física, será o profesor o encargado de controlar o chándal-marxe en 1º de Bach.- reflexando nas  fichas as incidencias que xurdan e seguindo o sistema anterior: advertencia verbal e ante a reiteración (sen ánimo de correxirse) comunicación ó titor e Parte de Incidencia. En ningún caso poderán participar na clase sen o atuendo deportivo axeitado (o que conleva ademais actitude negativa).
  • En canto ó comportamento na aula e no resto das instalacións do Colexio (patios, andares…) como centro educativo e formativo que é, esixírase a responsabilidade, respecto e conducta apropiados (aportar o material necesario, realizar as tarefas marcadas, utilizar vocabulario e modais correctos, colaborar no proceso de aprendizaxe, facilitar o desenvolvemento normal da clase, coidar o mobiliario e demais elementos que contén, manter a orde e limpeza debidas, etc.). En canto ó chicle non se permitirá masticalo en clase por consideralo inadecuado. Polo que respecta a escribir nas mesas, paredes ou portas, pegar chicles, ensuciar o patio ou os servicios, tirar papeis, emborronar a pizarra,…(control que compete a todo o persoal do centro e que comunicará ós órganos pertinentes), pode dar lugar a que se lles pida que repoñan ou limpen o que estropearon ou ensuciaron (conforme á normativa legal vixente).

                        *Copiar en exames (falta grave), implica a repetición da materia do mesmo a final de curso.

 

  • Non está permitido traer Móvil –o Colexio dispón de vías suficientes de comunicación co exterior- nin Aparatos (MP3,MP4, PDA,TABLET, ou calquer outro dispositivo portátil)  e moito menos usalos durante o horario escolar, de facelo estes serán requisados e avisarase ós pais para que pasen a recollelo. De requerilo algún docente para unha actividade académica concreta, o alumno contará co permiso temporal para empregar o aparello durante esta actividade, e estará obrigado a telo desconectado antes e despois da mesma.

 

  • Constitúen, evidentemente, faltas moi graves introducir ou consumir no Centro calquera substancia nociva para a saúde, as agresións físicas ou verbais a calquera membro da Comunidade Educativa, a falsificación de firmas ou documentos, a substracción de bens alleos, o deterioro intencionado das instalacións, etc. así contempladas na normativa vixente e sancionadas segundo a mesma. Queremos traballar nun ambiente de confianza mutua.

 

  • Na comunicación coas familias utilizarase a axenda do alumno ou o caderno escolar para transmitir información de interese, académica ou de actitude (relacionada coa orde, educación, limpeza, material, esforzo, resultados,…correxida a criterio do profesor, por exemplo tarefa fóra do horario lectivo, en recreos ou tardes), reservando o Parte de Incidencia (que pode abrir todo o persoal docente) para comportamentos que impliquen gravedade (faltas de respecto, malos modais, insultos, ofensas, molestar e non deixar dar a clase, vocabulario groseiro ou inapropiado, destrozos…). Estas conductas poden conlevar a suspensión da participación en actividades complementarias ou outras organizadas polo Centro a criterio do responsable.
  • Se a  falta é  grave ou por acumulación de cinco Partes de Incidencia (aínda sendo de distinta natureza ou gravedade) procederase á expulsión temporal do alumno por un prazo máximo de tres días, previo aviso á familia e oídas as partes implicadas. Partes de Incidencia reiterativos na mesma materia darían lugar á imposibilidade de permanecer na aula durante o desenvolvemento da mesma por un prazo máximo de tres días, realizando tarefas encomendadas polo profesor en cuestión, ben xunto á directora, ben xunto ó titor.
  • Enviar partes de incidencia avisando previamente por teléfono á familia o profesor responsable (medida que pretende evitar falsificacións de firmas, por exemplo, tipificada como falta grave).
  • Se a disponibilidade do Centro o permitira e as circunstancias persoais o recomendaran, daríase á familia a opción de que o alumno sancionado por expulsión temporal dun máximo de 3 días permaneza no Centro quedando separado da aula e ó coidado de persoal realizando tarefas.